Friday 26 de April de 2024

O Pleno dá luz verde á Relación de Postos de Traballo do Concello de Boqueixón


 

Aprobouse a inclusión no regulamento de réxime interno da EIM a obligatoriedade de estar ao día no caderno de vacinacións para poder formalizar o proceso de matriculación no centro

O Pleno deu onte luz verde á Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Boqueixón. A sesión ordinaria de marzo comezou cunha lembranza á secretaria-interventora, Elena Suárez Rodríguez, falecida repentinamente o pasado 10 de marzo. Todas as persoas integrantes da Corporación municipal puxeron de manifesto a súa valía tanto profesional como persoal e reiteraron o seu pésame á familia e achegados.

Á agarda dun/ha novo/a secretario/a-interventor/a para o Concello, a Dirección Xeral de Administración Local aprobou que a funcionaria Adela Lamela exerza como secretaria accidental ata a incorporación da nova persoa habilitada nacional. Esta designación formalizouse a través dunha resolución do 14 de marzo.

O punto máis importante da orde do día foi a aprobación da RPT do Concello de Boqueixón. O alcalde, Manuel Fernández Munín, explicou que o documento presentouse logo de “cinco mesas de negociación cos sindicatos e despois de falar cos e coas traballadores e traballadoras da administración local”. A RPT establece un total de 33 postos de traballo. Deste total, 14 corresponden a persoal funcionario, 13, a persoal laboral fixo e os 6 restantes, a persoal laboral non fixo.

O documento foi aprobado polos 8 votos a favor do equipo de goberno. Veciñ@s de Boqueixón votou en contra.

A sesión ordinaria tamén incluíu a aprobación do Regulamento de réxime interno da Escola Infantil Municipal (EIM) Raíña Lupa. Neste caso o texto incorporou a obrigatoriedade de estar ao día no calendario de vacinacións para poder formalizar a matriculación neste centro escolar. O punto contou co apoio dos 8 edís do PP e a abstención de Veciñ@s de Boqueixón.

Tamén se deu luz verde á modificación dunha vogalía da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Tras a súa xubilación no CPI Plurilingüe de Vedra, Mª Esther Facal Méndez será substituída por Alba Carril Casanova, que fará as veces de representante deste centro educativo.

Sobre a mesa quedou o punto relativo ao inicio da contratación dos servizos enerxéticos e mantemento con garantía total da iluminación pública do Concello de Boqueixón. Goberno e oposición acordaron retiralo da orde do día co fin de remitir a proposta aos servizos xurídicos da Deputación da Coruña para obter asesoramento sobre esta cuestión.